O XACOBEO CHEGA A VILAR DE BARRIO CON ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
Talleres para a recuperación da tradición oral, degustacións gastronómicas de produtos locais, visionado de estrelas ou rutas para coñecer o patrimonio da zona son algunhas das actividades enmarcadas no programa “Un Camiño Asolagado” que impulsa o Concello de Vilar de Barrio en colaboración coa Xunta de Galicia no marco do programa “O Teu Xacobeo”
En Vilar de Barrio, 03 de xullo de 2021.- O programa de actividades de dinamización xacobea “Un Camiño Asolagado” presentábase hoxe da man do alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, xunto co Xefe Territorial de Turismo da Xunta de Galicia, Manuel Pardo. Acompañados ambos de representantes da entidade Xeitura S.Coop.Gal. responsable da execución das actividades.
Actividades culturais, deportivas e gastronómicas impulsaranse dende o Concello de Vilar de Barrio durante todo o verán. Contando para a súa promoción co apoio da Xunta de Galicia a través do programa “O Teu Xacobeo” que pretende promover os valores do ano xacobeo por toda a xeografía galega.
“O Camiño de Santiago atravesa de sur a norte o noso municipio, porén a ambos lados do mesmo existe un mundo de posibilidades. Con este programa pretendemos crear unha oferta estival adaptada para todos os públicos. Un programa que sirva ao tempo para potenciar valores xacobeos de apertura ao coñecemento e o intercambio entre culturas en igualdade co orgullo polo propio”, afirmaba o rexedor de Vilar de Barrio Manuel Conde.
No acto de presentación do programa encontrábase presente o Xefe Territorial de Turismo da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, quen reafirmaba o “compromiso da administración autonómica coa activación cultural e económica que supón o ano santo para todos os concellos galegos. Dende a propia capital compostelá ata pequenos municipios rurais”.
Antonio Vázquez Sobrino, representante da entidade Xeitura S.Coop.Gal. encargada da execución do programa presentaba a axenda de actividades. “Un Camiño Asolagado pretende convidar á veciñanza de Vilar de Barrio a peregrinar a Santiago de Compostela en tres planos. A memoria colectiva, o camiño das estrelas e o camiño físico”, apuntaba.
Este mércores 7 de xullo comezarán os primeiros faladoiros para recuperar a tradición oral asociada aos camiños históricos. Actividade que se repetirá por diferentes localizacións do municipio na primeira quincena do mes. En agosto faranse varias convocatorias nocturnas para coñecer o “camiño das estrelas”, coincidindo coas coñecidas Bágoas de San Lourenzo, e en setembro será o momento da peregrinación física na que os avituallamentos actuarán como espazos para a degustación de produtos locais. Toda a información e inscricións estará presente na páxina web www.celtiatravel.com