Vilar de Barrio aproba as contas para a anualidade 2026

Pese á limitada marxe de gasto que deixa o gasto corrente e de persoal, o goberno municipal reserva o 25% para investimentos reais que permitan seguir cubrindo os servizos básicos e, ao tempo, apostar por novas vías de desenvolvemento.
Vilar de Barrio, 16/02/2026
O Concello de Vilar de Barrio aprobou no pleno municipal celebrado o pasado 10 de febreiro o orzamento correspondente ao exercicio 2026, cos votos favorables de BNG e PSdeG e a abstención do Partido Popular. As contas, que ascenden a 1,6 millóns de euros, reflicten un importante peso do gasto estrutural. En concreto, 700.000 euros destínanse a gastos de persoal e 465.000 euros a gastos correntes en bens e servizos. Porén, resérvanse ao redor de 415.000 euros para investimentos reais, o que representa aproximadamente un 25% do total. Este esforzo investidor adquire especial relevancia nun escenario de elevada rixidez orzamentaria.
O alcalde, Manuel Conde, puxo en valor a aprobación en tempo e forma do documento económico, destacando o seu carácter estratéxico para a xestión pública local: “Os orzamentos son unha ferramenta básica para poder cubrir as necesidades reais do noso municipio. Máis aló da complexidade que supón a súa aprobación calquera veciño pode comprender que se xestiona mellor a economía dunha casa cando se fai con previsión. É por iso que estamos moi orgullosos de poder aprobar en tempo e forma, a inicios de ano, estes orzamentos”. A planificación anticipada, destacan dende o consistorio, permite optimizar a execución do gasto e mellorar a captación de recursos externos.
Entre os obxectivos prioritarios para 2026 figura a garantía de servizos públicos básicos e de calidade, como a axuda no fogar, a cobertura de subministracións esenciais, as obras de mantemento e unha programación anual de actividades socioculturais. Paralelamente, o executivo local identifica dous eixos estratéxicos de impulso socioeconómico: o fortalecemento do sector primario e a dinamización do sector terciario. En palabras do rexedor, “o papel do concello é limitado pero faremos todo o que estea na nosa man por valorizar e potenciar aqueles recursos que nos son propios: o forestal e o agropecuario. Sempre sen perder de vista a necesidade urxente que temos de captar novos habitantes para o noso territorio. Por iso temos que facelo atractivo, tanto para os que veñan de fóra como para os que xa vivimos aquí”.
Facebook 