Vilar de Barrio converte 14 pobos nun grande espazo de reflexión colectiva pola igualdade e contra a violencia machista

O concello de Vilar de Barrio estrea este 8 de marzo a exposición itinerante “Voces pola eliminación da violencia contra a muller”, unha iniciativa cultural e reivindicativa que reúne textos de autoras como Yolanda Castaño, Olga Novo ou Chus Pato distribuídos por diferentes localidades do municipio.
Vilar de Barrio, 05/03/2026
O Concello de Vilar de Barrio estrea este 8 de marzo a exposición “Voces pola eliminación dá violencia contra a muller”, unha iniciativa que pretende transformar o territorio municipal nun percorrido de reflexión e reivindicación en defensa da igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia machista.
A proposta articúlase a través de 14 paneis instalados en distintos pobos do municipio, cada un deles con textos de recoñecidas autoras como Yolanda Castaño, Olga Novo ou Chus Pato, entre outras. O panel principal sitúase en Barrio, cabeceira municipal, onde se ofrece unha explicación xeral da exposición e un mapa que permite identificar os distintos lugares nos que poden lerse os textos que compoñen esta iniciativa.
A acción busca achegar a mensaxe de igualdade e respecto a todos os núcleos de poboación do municipio, reforzando o papel do espazo público como escenario de sensibilización e participación comunitaria. Neste contexto, o concello fai un chamamento a toda a veciñanza para participar no acto festivo e reivindicativo que terá lugar este domingo ás 17:00 horas na Praza do Toural. A xornada conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema “Dereitos. Xustiza. Acción.”, unha consigna que conecta co marco internacional promovido por Nacións Unidas para reforzar o compromiso institucional e social coa igualdade efectiva.
O programa do evento incluirá actuacións musicais, a lectura dun manifesto institucional e a presentación oficial da exposición “Voces pola eliminación da violencia contra a muller”. Como peche da xornada, a organización convidará as persoas asistentes a compartir un petisco nos distintos bares da zona, co obxectivo de fomentar un ambiente de convivencia e participación comunitaria.
A programación municipal terá continuidade o luns día 9 cun acto de sensibilización que se celebrará ás 12:30 horas na Praza do Toural. Esta actividade estará promovida polo alumnado e o equipo educativo do CEIP Vilar de Barrio, reforzando así a dimensión educativa e pedagóxica da conmemoración do Día Internacional da Muller.
Con esta programación, o Concello de Vilar de Barrio reafirma o seu compromiso coa promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista, apostando por iniciativas que combinan cultura, participación social e educación como ferramentas clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Facebook 