Vilar de Barrio lanza unha campaña informativa para garantir internet no 100% do seu territorio

· Tras a visita do alcalde Manuel Conde a Hispasat en Madrid, o Concello activa un plan informativo pobo a pobo sobre a conexión vía satélite dentro do programa estatal Conecta35, subvencionado polo Ministerio para a Transformación Dixital para combater o despoboamento rural.
Vilar de Barrio, 03/03/2026
O Concello de Vilar de Barrio lanza unha estratexia integral para garantir o acceso a internet de banda ancha na totalidade do seu termo municipal, afrontando con determinación os condicionantes derivados da súa configuración montañosa. A iniciativa articúlase tras a recente visita institucional do alcalde, Manuel Conde, á sede de Hispasat en Madrid, onde se avanzou na implementación do programa Conecta35, impulsado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Este programa, enmarcado na axenda de cohesión territorial e dixitalización rural, busca facilitar o acceso a internet de alta velocidade en zonas onde as solucións convencionais —fibra óptica ou rede móbil— presentan limitacións estruturais.
Neste contexto, os próximos días 10 e 11 de marzo un equipo técnico especializado chegado dende Madrid percorrerá distintos núcleos do municipio para explicar, de forma personalizada, as posibilidades de conexión vía satélite e as condicións económicas do servizo subvencionado. Tal e como sinalou o alcalde Manuel Conde: «Vivimos nun concello moi fermoso, cunha serra marabillosa na que nace ou noso Río Arnoia, pero esta singular orografía de val e montaña fan que existan zonas de moi complicada cobertura para o despegue de fibra ou mesmo internet vía telefonía (Rebordechao, Prado, Riobó…). A idea de promocionar dende o concello o programa Conecta35 fundaméntase na aposta decida por ofrecer internet de banda ancha por satélite a un prezo competitivo en zonas sen cobertura. Estamos convencidos que é unha moi boa oportunidade para a nosa veciñanza«.
Facebook 