Vilar de Barrio precisaría máis de medio millón de euros para recuperar os camiños esnaquizados polas fortes choivas dos últimos dous meses

Vilar de Barrio precisaría máis de medio millón de euros para recuperar os camiños esnaquizados polas fortes choivas dos últimos dous meses

O Concello de Vilar de Barrio contabiliza preto de 20 quilómetros de pistas afectadas polos intensos episodios meteorolóxicos rexistrados en xaneiro e febreiro. Estas vías resultan estratéxicas para garantir o acceso a granxas e explotacións agrogandeiras —piar fundamental da economía local— e forman parte ademais do itinerario do Camiño de Santiago no seu trazado da Vía da Prata.


Vilar de Barrio, 26/02/2026

O Concello de Vilar de Barrio demanda apoio urxente ás administracións supramunicipais perante o grave deterioro da rede viaria provocado polas persistentes choivas dos dous últimos meses. Segundo as primeiras estimacións técnicas, preto da metade dos 37 quilómetros de pistas municipais da zona de A Veiga presentan danos estruturais, con perda de firme, arrastres e afeccións en cunetas e drenaxes. Estas infraestruturas resultan esenciais para garantir a conexión de explotacións agrícolas e gandeiras que vertebran o tecido produtivo do municipio.

O impacto transcende o ámbito estritamente agrario, xa que parte destes camiños coinciden co trazado do Camiño de Santiago na súa variante da Vía da Prata, o que engade unha dimensión patrimonial e turística á problemática.

O alcalde, Manuel Conde, subliñou a magnitude do reto financeiro ao que se enfronta o consistorio: “Aínda que para nós sexa prioritario, como concello non temos recursos para facer fronte a un investimento deste tipo que sería millonario”. Segundo os seus cálculos sería necesaria unha inversión que superaría o medio millón de euros, “se consideramos que 100 metros de reparación custarían ao redor de 3.000 euros, ¿canto custaría a recuperación dos máis de 20 quilómetros de pistas afectadas que temos na Veiga?”, pregúntase o rexedor.

Desde o goberno local insístese na necesidade de articular liñas extraordinarias de financiamento que permitan acometer unha intervención integral e sostible, garantindo a continuidade da actividade económica, a cohesión territorial e a adecuada conservación dun itinerario cultural de proxección internacional.