Vilar de Barrio reforza a súa posición como referente en España da valorización da pataca e a dinamización do medio rural

O concello de Vilar de Barrio, que celebrará este ano 2026 a 47ª edición da popular Festa da Pataca, intégrase na Rede Nacional de Pobos Produtores de Pataca como parte da súa estratexia contra o despoboamento.
Vilar de Barrio, 28/01/2026
O Concello de Vilar de Barrio consolida o seu liderado na valorización da produción local de pataca como panca de desenvolvemento territorial, cohesión social e dinamización económica. Esta posición materialízase na recente integración do municipio na Rede Nacional de Pobos Produtores de Pataca, formalizada na sesión previa á III Gala dos Premios Nacionais da Pataca celebrada en Medina del Campo o pasado 22 de xaneiro.

Esta rede recoñece á Festa da Pataca de Vilar de Barrio como unha ferramenta estratéxica que durante case medio século permitiu a valorización de produto, promoción territorial e dinamización do sector. Este evento non só visibiliza a calidade da produción local, senón que xera un impacto directo en hostalería, comercio e turismo rural, contribuíndo a diversificar a base económica do municipio. Neste ano 2026 celebrarase a 47ª edición, un evento xa plenamente consolidado no calendario agroalimentario galego.
A recente incorporación de Vilar de Barrio á Rede Nacional de Pobos Produtores de Pataca supón un recoñecemento institucional á traxectoria do municipio na promoción deste cultivo estratéxico. Esta integración facilitará o acceso a sinerxias interterritoriais, intercambio de boas prácticas e novas oportunidades de comercialización.

O Concello enmarca estas accións nunha estratexia integral de apoio aos sectores primario e terciario, onde a produción agraria compleméntase coa creación de eventos, experiencias e marca territorial. Este enfoque responde á evidencia que subliña que a combinación de actividade agraria, identidade local e economía de servizos é un dos factores crave para fixar poboación en áreas rurais.
“En Vilar de Barrio entendemos que apoiar aos nosos produtores e, ao mesmo tempo, xerar actividade económica ao redor dos nosos recursos é fundamental para garantir futuro no territorio”, sinala o alcalde do municipio. “A pataca é parte da nosa identidade, pero tamén é unha oportunidade real de emprego, emprendemento e proxección exterior. A Festa da Pataca e a nosa presenza neste tipo de redes reforzan esta folla de ruta”.
A folla de ruta que apunta Manuel Conde, alcalde de Vilar de Barrio, está a desenvolverse a través de diversos proxectos impulsados desde a oficina técnica municipal, creada no marco das axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) para proxectos de dinamización territorial e loita contra o despoboamento.
Con estas actuacións, Vilar de Barrio avanza cara a un modelo de desenvolvemento rural baseado en recursos endóxenos, innovación social e cooperación institucional, procurando ser referencia na articulación entre agricultura, identidade territorial e economía local.
Facebook 