Voces, a campaña do Concello de Vilar de Barrio para conmemorar o 8M
Este 8 de marzo, día Internacional da Muller, o concello de Vilar de Barrio realizou un acto de presentación da nova campaña en prol da igualdade entre homes e mulleres: “Voces”. Neste acto o principal protagonista foi o alumnado dos colexios de Sarreaus e Vilar de Barrio dando lectura aos diferentes soportes expositivos espallados por diferentes lugares do municipio.
A mostra recolle os versos de numerosas artistas galegas como Tanxugueiras, A Banda da Loba ou as Punkiereteiras, entre moitas outras. Con esta exposición preténdese “capturar historias de vida en forma de cancións” e deste xeito poñer en valor o traballo feminino e loitar por facer un camiño cara a igualdade.
As artistas tamén quixeron estar presentes no acto e mandaron un pequeno saúdo en formato de vídeos proxectados in situ e que serán proxectados tamén nas redes sociais de Vilar de Barrio.
A exposición manterase durante toda a primavera nos quince núcleos escollidos coa finalidade de crear unha ruta que permita “visitar e escoitar Vilar de Barrio en clave de xénero”.