Deixanos Claudio Blas aos 87 anos

Deixanos Claudio Blas aos 87 anos

Claudio Blas Rodríguez, “O Blas”, coñecido por todos/as os/as veciños/as do Concello de Vilar de Barrio, acaba de deixarnos aos 87 anos.

Chegou a Vilar de Barrio para facerse cargo da Caixa Rural (máis adiante, a Caixa Galicia). Tiña, daquela, 40 anos. Viña de Maceda, onde traballou 13 anos no popular comercio dos Santos, ao carón do seu Niñodaguia natal.

Enraizou, e de qué maneira, en Vilar de Barrio. E quixo quedarse. Mercou casa e asentou a familia… coa súa inseparable e incansable Rosario. Os seus fillos e a súa filla son de Vilar de Barrio. Están orgullosos e nótaselle. Quérenlle o seu pobo. Isto tamén o fixeches ben, Claudio!!

Foi o primeiro Alcalde da democracia por UCD e estaba orgulloso de traballar activamente para Coalición Galega. Respetou e colaborou co seu predecesor e amigo Manuel Pérez.

Amante do Deporte, sinaladamente do Ciclismo, organizou unha volta ciclista no noso Concello, fundou o Club ciclista de Maceda e impulsou o CD Vilar de Barrio.

Misioneiro en Mato Grosso (Brasil) na épocas mozas, corresponsal de “La Región”, Claudio Blas Rodríguez foi toda unha Institución en Maceda e, por suposto, en Vilar de Barrio.

Como Alcalde acometeu numerosas obras de infraestructura: asfaltados, saneamentos, traídas de augas, accesos a núcleos… eran épocas do “plan bulleiro”, eran épocas de transición…

O noso veciño e amigo será enterrado mañá en Niñodaguia (Xunqueira de Espadañedo).

O noso mais sentido pésame a familia.

Vilar de Barrio, 1 de febreiro do 2021

O Alcalde, Corporación Municipal e traballadores/as do Concello de Vilar de Barrio.